Cando Galicia doe: café de pota ou nespresso (galego)

Artículo de reflexión de Ian Pérez López

A Galicia progresista contempla impotente como Núñez Feijóo achégase con paso firme á súa cuarta maioría absoluta no Pazo do Hórreo. O artífice de descabalgar ao bipartito PSdeG-BNG en 2009, dez anos máis tarde e segundo todas as sondaxes, convence á dereita conservadora, ao centro liberal e a amplos sectores do medio rural e urbano para que, unha vez máis, opten pola gaivota.

Este tecnócrata gris, e sen cheiro ningún, consegue o que ningunha das opcións progresistas: a confianza da maioría dos galegos e galegas. Confianza en que as políticas de Núñez Feijóo son axeitadas ao enorme reto que ten Galicia de cara á nova normalidade.

O certo e verdade é que os “do barrete”, os de Feijóo, coparon o poder institucional no PPdeG aló por 2003 cando o delfín Xosé Cuíña (do sector dos “da boina”) é substituído á fronte da poderosa Consellería de Obras Públicas. Anos antes, no 1999, os “da boina” xa perderan a Secretaría Xeral e, así, tamén o poder orgánico.

A comezos do dous mil, o PPdeG culminaba un xiro político con importantes implicacións para o futuro de Galicia: a perda, a prol dos xenoveses, da alma rexionalista e galeguista, suposto patrimonio do PPdeG de 1990, o PPdeG de Don Manuel.

Galicia carece, hoxe, dunha opción rexionalista de dereitas, unha opción política conservadora que conecte coa idiosincrasia do pobo galego e as súas particularidades.

Que saiba combinar o galeguismo con políticas de desenvolvemento económico e social que non sexan reféns das política deseñadas, previamente, en Madrid polos partidos políticos de ámbito estatal. Unha opción rexionalista que non sexa belixerante coa integración (sen servidumes) no conxunto do estado español.

Galicia quedou orfa dunha opción rexionalista conservadora a principios dos dous mil e, agora, cando precisa de café de pota para afrontar os próximos catro anos con forza, mirada ao lonxe e moito sentidiño, o PPdeG ofrece un nespresso lungo decaffeinato.

O abandono do enfoque rexionalista tivo (e segue a ter) repercusión sobre o futuro de Galicia, dos galegos e das galegas.

Abandonar una óptica galeguista, unha óptica de país, repercute sobre o tecido industrial de Galicia, o re deseño da política agraria e pesqueira, o cambio de modelo turístico, a conservación e protección do patrimonio ambiental, o desenvolvemento dunha política de infraestruturas axeitada ás necesidades dos galegos e galegas (AP-9, conexión ferroviaria, aeroportos…), a protección e desenvolvemento da lingua galega (cada ano máis débil), o fortalecemento dos servizos sociais, o afianzamento dun sistema educativo sólido e plurilingüe para primaria e secundaria, a aposta pola formación profesional, a garantía de acceso ás ensinanzas universitarias, a dotación e reforzo do sistema sanitario trala COVID-19, a sostibilidade (material e de persoal) dos servizos públicos, o re equilibrio territorial, ou mesmo a loita fronte a repunta na desigualdade que asoma en Galicia.

Señor Núñez Feijóo: o seu proxecto non serve para a Galicia do futuro. Os galegos e as galegas non precisan de lungo decaffeinato, senón dun proxecto de país. Galicia precisa dun liderado con visión de futuro e dun proxecto real e transformador.

Os gobernos dos “do barrete” non teñen a bravura e a ousadía que precisan a sociedade e a economía de Galicia. Non serve o “tira pra diante”, non serve seguir a corrente de Génova 13, porque esa corrente ven dun regato alleo a Galicia; non ten en conta as súas particularidades e só leva a un modelo caduco e, no mellor dos casos, inadecuado para a nosa terra.

Galicia ten que liderar, como lideran outras Comunidades Autónomas do norte de España e, dende a súa idiosincrasia, aportar novas solucións aos retos do futuro inmediato. ¿Que hai do agro? ¿Que hai da minguante industria galega? ¿Que hai do modelo de integración social? ¿Que hai de converter á Cultura en un motor de desenvolvemento económico e social en Galicia? ¿Que hai de favorecer o desenvolvemento do medio rural a través da garantía de servizos públicos, infraestruturas e programas de apoio a emprendedores e labregos?

O problema de buscar café de pota en Galicia hoxe está na debilidade e confusión en que os partidos da esquerda afrontan este 12 de xullo. Dende o BNG, pasando pola desorientada Marea Galeguista, a nova franquía de Podemos (Galicia En Común) ate o PSdeG, ningunha das opcións da esquerda está en posición de bater a un PPdeG insípido de proxecto esgotado.

O BNG semella recuperar azos despois de anos de notable redución de poder institucional tras o desembarco de Podemos e das súas confluencias, e tras recuperar  presencia en Madrid. A descomposición das mareas tras una breve e polémica experiencia en gobernos municipais (Coruña, Ferrol e Santiago), e despois de traumáticos procesos internos, libera a parte do electorado progresista que se re sitúa fundamentalmente no espazo de Galicia En Común (coalición de Podemos con Esquerda Unida) que ven de superar a súa propia crise interna, ou volve ao BNG baixo o liderado, calmo pero seguro, de Ana Pontón. Galicia se asimila así, unha vez máis, ao resto do Estado, perdendo una formación política netamente galega como eran as mareas.

O PSdeG segue no seu particular viacrucis do que non ten saído dende a renuncia de Pérez Touriño hai dez anos. A sucesión de Secretarios Xerais, vítimas dos seus paupérrimos resultados electorais, a perda do liderado da oposición a Núñez Feijóo, a ausencia dun equipo coñecido, carismático e sólido que arroupe ao candidato/a ou a, xa tradicional, incapacidade para recuperar o carácter galeguista do partido (con propostas propias e con substancia para Galicia) lastran seriamente as posibilidades dos socialistas este 12 de xullo.

Os galegos e galegas apoiaron maioritariamente a opcións de esquerda nas elección xerais de 28 de abril e 10 de novembro de 2019. ¿Que ocorre en Galicia para que, nos comicios autonómicos, as forzas progresistas non sexan capaces de bater a un PPdeG reseso?

O vindeiro 12 de xullo viviremos ese día da marmota que viven os progresistas galegos dende hai décadas. Ese día da marmota que tivo ao PPdeG durante 33 anos, de 38, á fronte de Galicia.

Dicía Núñez Feijóo, aló por 2017, que “me duele Cataluña”. A min, señor Feijóo, dóeme Galicia. ¿Tedes café de pota…?

Ian Pérez López

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *